︎


No Día das Letras Galegas lévase a cabo un espectáculo de rúa dirixido por Paloma Lugilde que reúne a toda a Escola e a persoas que queiran achegarse a participar, traballando sobre a vida e a obra da persoa homenaxeada cada ano a través do teatro, a danza e a música. Sempre está presente tamén na dramaturxia o contexto sociopolítico no que viviu e traballou para comprender mellor o seu traballo e a realidade dos nosos antecesores, para así tamén coñecer mellor o noso presente.

O proxecto nace en 2007, cando Palimoco Teatro presenta ao Concello de Lugo e á Xunta de Galicia o proxecto Letra Viva, e lévase a cabo Caracola perdida no Courel, adicado a María Mariño, cunha participación de máis de cen persoas e cincocentos espectadores. Ao ano seguinte, no 2008, representan O soño dos ruíns (adicado a Xosé María Álvarez Blázquez) e no 2011 Iluminado pola morte (adicado a Lois Pereiro).

No 2013 cambiase o nome por Lingua viva (co apoio da Deputación de Lugo) e o proxecto ábrese a talleres nos que pode formar parte calquera persoa. As montaxes que continuarían este proxecto son: A beleza feriume para sempre (2014), Mulleres terra (2015) e O pobo a ser o que queira ser (2016). A partir do 2017 recúperase o nome de Letra Viva cos espectáculos Proxecto Galicia (2017), Ninguén lle puido roubar o seu sorriso (2018, adicado a María Victoria Moreno) e O tren da vida (2019, adicado a Antón Fraguas Fraguas).