PRODUCIÓNS TEATRAIS




UN POUCO DE HISTORIA


No ano 1998 nace en Lugo Palimoco Teatro, unha agrupación de teatro afeccionado que dez anos despois convertiríase na primera compañía profesional da capital lucense, con Paloma Lugilde e Lucía Lence.

Nun primeiro momento, as montaxes de Palimoco Teatro son de creación propia e de café teatro: Lorca, Rosalia e outras historia (1998) e Ensaio Xeral (1999). En maio do 2000 dan un xiro cara o teatro á italiana apostando por unha dramaturxia contemporánea do clásico de Antígona de Jean Anouihl, recibindo o 1º premio na categoría A de grupos independentes do Certame de Teatro Galego de Xuventude, e entrando na programación da 1ª Mostra de Teatro Afeccionado organizada polo IGAEM. A este espectáculo seguiríano Sopapapasaloben (2001, 4º premio no Certame Galego de Xuventude), A tempestade de Shakespeare con Achádego Teatro (2002, 2º premio na III Mostra de Teatro de Bergantiños e premio á mellor actriz a Paloma Lugilde), Os Miserables (2003), As fillas de Eva (2004), Palimocadas (2004) e O percebe e o pingüín (2005). No 2006 Palimoco comeza a realizar encargos de performances e espectáculos de rúa como Yobordo, Soño dunha noite artesá e Avantcraft para o Centro de Artesanía e Deseño de Lugo, a presentación da liña de moda do Rei Zentolo e Alfiletero e Mergúllate na ciencia. Ao ano seguinte, no 2007, créase un novo e importante proxecto para a compañía: Letra Viva, conmemorando as Letras Galegas en forma de espectáculo pola rúa que combina teatro, danza e música en directo.

No ano 2008, Palimoco Teatro convértese na primeira compañía profesional da cidade de Lugo presentando as montaxes O rato de biblioteca dentro do proxecto antropolóxico Mil pasos, divulgando a historia da cidade de Lugo, e o espectáculo infantil Construccións Clementina, dígame?. No 2011 nace Queres que cho conte? reunindo unha serie de contos de tradición oral nun libro ilustrado e un CD de audio no que escoitalos a través das voces de cinco actrices e actores, e que posteriormente se convertiría nun espectáculo en vivo que segue en xira na actualidade.


Ao longo de todos estés anos, ademáis da creación, a produción e a distribución de espectáculos, plantexáronse outras dous liñas de exploración e traballo.

Unha delas é a formación con mestres, como Sarabela Teatro, Isabel Úbeda, o Odin Teatret, Avelino González, Antón Valén, Claudia Contini e Vicente Fuentes e a Fundación Fuentes de la Voz, a través da cal tamén toman contacto con Carles Alfaro, Fabio Magolini, Blandine Calais-Germain e Ernesto Arias.

Esta formación esténdese dende hai anos á cidadanía en xeral, organizando cursos e ciclos formativos coma o Teateatre, achegando á cidade de lugo a posibilidade de contar con profesionais da escena nacional e internacional. Por outra banda, no ano 2000 Paloma foi contratada polo Colexio Fingoi para dar clases de teatro, establecendo o teatro dentro do currículo educativo do centro dende a educación infantil á ESO e creando con dito colexio e co Concello as Xornadas Artes Escénicas Fingoi, enlazando teatro, danza, música e cine. Dentro desta liña, a compañía participa de maneira directa na creación coa Xunta de Galicia do Campamento de Teatro entre os anos 2003 e 2011. Ademáis, dende o 2003 Paloma Lugilde asume a dirección do Taller de arte dramática da USC-Lugo e dende 2007 a Compañía de Teatro USC-Lugo.

No ano 2014 comeza unha nova etapa abrindo a Escola Palimoco Teatro Danza na cidade de Lugo, facendo presente a filosofía e a metodoloxía adquirida e construida durante todos eses anos en todas as actividades plantexadas na escola. Ademáis, constitúe tamén un espazo de encontro con outros profesionais coma Esther Latorre, Ernesto Arias, Silvia Garzón ou Marta Pazos.

A outra liña da que falamos é a comunicación e creación de lazos co entorno lucense e galego. O equipo de Palimoco Teatro, preocupouse desde o primeiro momento de entaboar comunicación cos demais grupos da cidade de Lugo, colaborando en montaxes coma A tempestade con Achádego Teatro (2002) e impulsando unha primeira colaboración de tódolos grupos da cidade no espectáculo a favor de Amnistía Internacional Ninguén esta só. No ano 2003, Paloma Lugilde, entón traballadora do Colexio Fingoi, propón, xunto esta institución e o Concello de Lugo, a I Mostra Teatro Cidade de Lugo que dirixirá ata a súa quinta edición. Ademáis, Palimoco colabora activamente con outras asociacións da cidade como Amnistía Internacional, Esmelgar, Evohé, Colectivo Esperta Zoe, Ágora Cultural, Asociación Henriqueta Otero, Anciáns do mundo…

Por outra banda, colabora tamén con institucións: coa Xunta de Galicia no Campamento de Teatro (2003-2011) e no programa Vai do Camiño, coa Deputación Provincial de Lugo (co Centro de Artesanía e Deseño e o Proxecto Buxiganga) e co Concello de Lugo na organización da Mostra Teatro Cidade de Lugo, o Teateatre e as Xornadas de Artes Escénicas Fingoi (até o 2011). Asimesmo, traballa tamén con empresas privadas coma o Colexio Fingoi e a Escola Arte e Lecer Fingoi, para diferentes empresas de comunicación en campañas publicitarias e intervencións en programas da televisión e radio locais.

Por último pero non menos importante, está o coidado dos lazos coa cidadanía e a recuperación de espazos naturais para as artes escénicas, coma as representacións anuais de Don Juan Tenorio e Estudo sobre Lorca no cemiterio San Froilán de Lugo e de Antígona no adarve da Muralla, así como a recuperación do anfiteatro do Campus Terra e o do Parque Rosalía de Castro.
Un proxecto que exemplifica isto á perfección é Letra Viva, unha actividade multidisciplinar que celebra o Día das Letras Galegas creando un espectáculo de teatro, danza e música en vivo sobre a vida e obra da persoa homenaxeada cada ano, contribuíndo ao fomento e á difusión do noso patrimonio cultural, artístico e natural involucrando á cidadanía lucense a participar abertamente, ben coma performers ou ben coma público. Deste proxecto naceron os espectáculos Caracola perdida no Courel (2007, María Mariño), O soño dos Ruíns (2008, Xosé Blázquez) e Iluminado pola morte (2011, Lois Pereiro). Este proxecto continuou a partir de 2013 baixo o nome Lingua Viva e co apoio da Deputación de Lugo creando as montaxes: A beleza feriume para sempre (2014), Mulleres terra (2015), O pobo a ser o que queira ser (2016), Proxecto Galicia (2017), Ninguén lle puido roubar o seu sorriso (2018) e O tren da vida (2019).



PRODUCIÓNS ANTERIORES